Aleixo Vilas Castro
O presente artigo ten como obxectivo afondar no debate actual sobre a evolución das desigualdades de renda no contexto da globalización económica. Partidarios e detractores deste proceso afirman, respectivamente, que as desigualdades se teñen reducido ou incrementado neste período, recorrendo tanto os uns coma os outros a distintas interpretacións de diferentes fontes bibliográficas. Neste traballo farémonos eco dos estudos que analizan os diferentes niveis de desigualdade, e comprobaremos como existe un amplo consenso no que se refire á tendencia ao incremento da desigualdade interna dos países. A continuación, observaremos como os resultados dos estudos das desigualdades entre os países e da desigualdade global difiren segundo a metodoloxía empregada para realizar a comparación entre as diferentes moedas (tipos de cambio ou paridades de poder adquisitivo), o período seleccionado, a mostra de países seleccionada, as diferentes fontes estatísticas, etc.