No interior da provincia de Ourense esténdese unha ampla chaira atravesada polo Limia, río que lle dá nome á comarca. Este espazo acolleu no pasado un dos maiores humidais de augas doces da Península Ibérica: a lagoa de Antela, que chegou a ocupar máis de corenta quilómetros cadrados, o equivalente á superficie do concello da Coruña.